Microsoft presenta en Copenhague o seu modelo de software Microsoft Dynamics

venres, 26 de outubro do 2007 Raquel Noya

A empresa de software para informática persoal e de empresas, Microsoft, vén de congregar en Copenhague a máis de 3.300 partners e clientes europeos para amosarlles o futuro máis inmediato dos produtos que compoñen a actual familia de empresas Microsoft Dynamics.
Ó longo dos días 23, 24 e 25 de outubro, Microsoft Dynamics CRM 4.0 converteuse na gran protagonista dunha cita na que se viron as novidosas funcionalidades que converten a este software, en palabras dos creadores, “na plataforma perfecta para ofrecerlle ós clientes todo o seu potencial nun modelo tradicional, de hosting ou como servizo”.
Empregando unha única base de código, o cliente pode escoller o modelo de despregue que se adapte máis ás súas necesidades de negocio e de TI, podendo cambiar no futuro se ditas necesidades evolucionan nunha dirección diferente.
No mesmo evento na capital danesa, Microsoft tamén anunciou a súa intención de reducir nun 40 por cento as cotas de subscrición que os partners de hosting deben pagar para licenciar Microsoft Dynamics CRM en modelo hospedado. A baixada destas tarifas vaille permitir ós partners investir con máis forza na construción das súas ofertas de CRM e aumentar a súa carteira de clientes.

PUBLICIDADE