Microsoft pon en marcha un certame para impulsar o emprendemento feminino
mércores, 8 de agosto do 2018
Microsoft
vén de pór en marcha unha iniciativa para potenciar o emprendemento
feminino. E faino a través do seu fondo de capital risco M12, en
colaboración con EQT Ventures e SVB Financial Group. A
iniciativa, Female Founders Competition, é un concurso-contribución
para captar fondos e impulsar proxectos postos en marcha por mulleres
(identificando o talento feminino, premiándoo e visualizándoo,
ademais de financiándoo). O obxectivo da multinacional TIC é
loitar contra a falta de oportunidades de apoio ao emprendemento que
sofren as mulleres. Segundo lembra a compañía, o ano pasado, só
2,2% dos fondos de capital risco en todo o mundo foron destinados a
mulleres.
Ademais,
lembra Microsoft, unicamente o 17% das novas firmas innovadoras teñen
polo menos unha socia fundadora, malia que a diversidade de xénero
nos comités directivos dunha empresa co-relaciónase cun aumento do
beneficio e da creación de valor da propia organización. Por outra
banda, na industria TIC “só o 8% dos socios de investimento nas
principais empresas son mulleres”.
A
través do concurso lanzado, Female
Founders Competition, aquelas startups que conten con polo
menos unha muller entre os seus fundadores poderán optar a conseguir
un financiamento de dous millóns de dólares que Microsoft porá á
súa disposición desde M12 e os seus colaboradores EQT Partners e
SVB Financial Group. Ademais, recibirán acceso a recursos
tecnolóxicos e asesoría legal e xurídica.
Para
poder conseguilo, as solicitantes competirán pola oportunidade de
ser unha das 10 finalistas que participen nunha presentación en vivo
este outono, na que exporán as súas ideas para dar solución un
problema empresarial. Desta rolda, elixiranse aos dous equipos
gañadores que recibirán, un total de dous millóns de dólares cada
un en concepto de capital de risco.