Microsoft podería anunciar 2 novos móbiles o vindeiro luns

martes, 6 de abril do 2010 Marcus Fernández

A prensa especializada norteamericana recibiu nas últimas horas unha invitación por parte de Microsoft para un evento que terá lugar o vindeiro día 12 en San Francisco, e que serviría para amosar un novo produto, polo que disparáronse os rumores sobre o posible lanzamento dun teléfono móbil de Microsoft (pese a que a compañía negou tal en numerosas ocasións… como tamén facía Google), e que a reporteira Ina Fried de Cnet confirma a través dunha fonte na compañía de Redmond, chegando a detallar que serían 2 os terminais a presentar, coñecidos polo momento cos nomes Pure e Turtle, e que sería terminais con teclado deslizante e pantalla táctil que comercializará Verizon nos EE.UU.
Segundo parece, estes novos terminais non buscarían competir co iPhone (para iso Microsoft xa presentou a Windows Phone 7 Series en Barcelona) senón que apuntaría a o popular terminal Sidekick, comercializado por T-Mobile, e que estaría orientado ao uso de redes sociais e á mensaxería instantánea. Os terminais de Microsoft competirían co Sidekick en boa medida ao incorporar o servizo musical de Zune, o seu reprodutor multimedia portátil, dando aos novos móbiles un interesante valor engadido.
O Pure e o Turtle sería móbiles integrados dentro do proxecto Microsoft Pink do que vense a falar durante moito tempo, e do que aínda non temos detalles definitivos.

PUBLICIDADE