Microsoft pecha a billa ao almacenamento ilimitado en OneDrive

martes, 3 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Actualmente Microsoft ofrece grandes capacidades de almacenamento en OneDrive de balde, que limitará a 5 GB a partires de 2016

O ano pasado Microsoft sorprendera anunciando que os subscritores de Office 365 verían incrementando sen límites a súa capacidade de almacenamento en OneDrive, que até o momento tiña unha capacidade de 1 TB, o que supoñía unha oferta sen competencia, xa que o servizo podía subscribirse dende 69 euros/ano (estando dispoñible incluso a prezos bastante máis baixos a través de distintas promocións), pero o experimento de Microsoft non pareceu saír ben, e atoparon que certos usuarios dedicáronse a empregar OneDrive como almacenamento para as súas películas e series de televisión, chegando a superar os 75 TB de capacidade un mesmo usuario (o que sería 14.000 veces a capacidade usada por termo medio no servizo) cando a nube de Microsoft está pensada para gardar os documentos de produtividade e traballo en equipo.
En vista dos abusos en OneDrive decidiron tomar medidas moi drásticas, e finalmente cancelan o almacenamento ilimitado e deixan a capacidade máximo de novo en 1 TB, acompañando esta operación con cambios lamentables: o espazo de balde en OneDrive pasará de 15 a 5 GB, os usuarios que fagan copia de seguridade das fotografías do móbil tamén perderán os 15 GB adicionais de balde que recibían, e os plans de pagamento de 100 e 200 GB desaparecerán como opción para os novos usuarios, que contarán só cunha opción de 50 GB por 1,99 euros/mes a partires de 2016.
Dado que o volume de información almacenada polos usuarios na nube pode ser moi elevado, este cambio de política adóptase con certa antelación, de xeito que os usuarios que tivesen activado e superado o 1 TB de datos en OneDrive terán 12 meses para poder acceder aos seus ficheiros, e os actuais clientes de Office 365 que consideren que as novas condicións do servizo non son axeitadas para eles, poderán pedir a devolución dos seus cartos.
Os usuarios que conten actualmente con máis de 5 GB en OneDrive poderán continuar a acceder aos seus ficheiros durante un mínimo de 12 meses tras a posta en marcha da nova política a primeiros de 2016, e incluso contarán coa posibilidade de poder canxear un ano de balde do plan persoal de Office 365 (que inclúe 1 TB de almacenamento). Os actuais clientes de plans de 100 e 200 GB non verán afectadas as súas condicións.

PUBLICIDADE