Microsoft pagará 7.500 millóns de dólares por GitHub

luns, 4 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Chris Wanstrath (un dos fundadores de GitHub), Satya Nadella (máximo responsable de Microsoft) e Nat Friedman (fundador de Xamarin)

Ao saberse da posibilidade de que Microsoft adquirise GitHub, comentábase que o célebre servizo que facilita o desenvolvemento colaborativo fora valorado en 2.000 millóns de dólares en 2015, de aí que a nova de que finalmente Microsoft pechase o acordo de compra por 7.500 millóns de dólares (en accións) sorprendeu relativamente, confiándose en que tal operación supoña a aceleración do crecemento de GitHub e permita avanzar aos servizos de Microsoft.
Confían en pechar a operación de compra a finais de ano, e ante o temor por parte de moitos desenvolvedores do cambio de mans de GitHub, dende Microsoft apuráronse a anunciar que ambas compañías manterán unha operativa independente, ou sexa, que non existen motivos fundados para fuxir de GitHub.
O acordo de compra si ten unha consecuencia directa, como é a ocupación do posto de director xeral de GitHub, libre dende o verán pasado, e ocupado interinamente por Chris Wanstrath, que converterase en membro técnico de Microsoft. A cargo de GitHub pasará a estar Nat Friedman, fundador de Xamarin e todo un veterano do software libre.

PUBLICIDADE