Microsoft ofrecerá aos fabricantes licenzas de balde dunha nova edición de Windows 8.1

venres, 23 de maio do 2014 Marcus Fernández

Confirmando os rumores dos últimos meses, Microsoft anuncia hoxe un novo programa para fabricantes no que facilitará o lanzamento de numerosos equipos con Windows cun prezo bastante reducido, xa que poderán aforrar o custo da licenza do sistema operativo grazas ao lanzamento dunha nova edición do mesmo chamada Windows 8.1 with Bing, que consistiría nunha versión de Windows que empregaría de xeito predeterminado o navegador Internet Explorer e o buscador Bing (aínda que tal configuración pode modificarse por parte do usuario). Nalgúns equipos (especialmente en tablets) o sistema operativo podería incluír unha subscrición dun ano ou servizo Office 365.
Lembremos que dende hai uns meses Windows é de balde para dispositivos con pantallas de menos de 9 polgadas, e que dende a súa última actualización Windows 8.1 só precisa para funcionar de xeito fluído 1 Gb de RAM e 16 Gb de almacenamento interno, polo que cada vez son máis os dispositivos que poden correr a última versión do sistema operativo de Microsoft, e con Windows 8.1 with Bing aínda ampliarían máis as posibilidades, dado que achegarían a familia de Windows e Office a moitos máis consumidores, o que resulta especialmente interesante para os desenvolvedores de aplicacións, que cada vez verán así máis atractivo apostar pola última versión de Windows.
É de esperar que nun par de semanas saibamos máis dos primeiros equipos que cheguen ao mercado con Windows 8.1 with Bing co gallo da celebración do Computex en Taipei.

PUBLICIDADE