Microsoft ofrece soporte técnico específico para persoas con diversidades funcionais

martes, 9 de xuño do 2015 Redacción

Microsoft anunciou esta semana a dispoñibilidade dunha liña telefónica de soporte técnico en castelán para os usuarios dos seus produtos Windows e Office con algún tipo de diversidade funcional. O servizo achegarase a través do teléfono 902 000 002 e centrarase na resolución de incidencias relacionadas coa accesibilidade dos devanditos programas. O soporte estará accesíbel de luns a venres de 8.00 a 17.00 e só haberá que pagar o custo da chamada. Até o de agora, o número operaba só en inglés. Poderán tirar partido del todas as persoas con diversidades funcionais visuais ou auditivas que empreguen Windows e Office. Máis adiante engadirase soporte técnico en castelán a través dun servizo de chat en liña.
Coa devandita liña Microsoft quere seguir complementando un catálogo de produtos accesíbeis no que se inclúen, entre outras cousas, ferramentas de revisión de pantalla (un dispositivo de voz artificial que presenta en formato oral todo o que aparece na pantalla, “incluídos os nomes e as descricións dos botóns, menú, textos e a puntuación”), sistemas de recoñecemento de voz (programas para que poidamos dar ordes e introducir información no computador, evitando o uso do rato ou o teclado) ou utilidades para ampliar a pantalla (software para facer máis grande o que temos diante, seleccionando a área a expandir ao xeito dunha lupa).

PUBLICIDADE