Microsoft merca Skype por 8.500 millóns de dólares

martes, 10 de maio do 2011 Marcus Fernández

Tras rumores de que Facebook tería interese en adquirir Skype, chega Microsoft e confirma que chegaron a un acordo definitivo coa compañía fundada por Niklas Zennström e Janus Friis para a súa compra por 8.500 millóns de dólares (5.907 millóns de euros) ao grupo de investidores encabezado por Silver Lake.
Coa adquisición da empresa líder en comunicacións a través da Internet Microsoft quere incrementar a accesibilidade de comunicacións de voz e vídeo en tempo real, tanto entre usuarios domésticos como corporativos, e mellorando o actual catálogo de produtos e servizos de comunicación de Microsoft. Deste xeito Skype estará dispoñible para a Xbox e Kinect, terminais con Windows Phone e un amplo abano de dispositivos con Windows, á vez que tamén tenderá pontes con Lync, Outkook, Xbox LIVE e outras comunidades, mantendo o soporte de Skype en plataformas alleas a Microsoft (como Android e iOS).
A nivel corporativo, Skype integrarase en Microsoft como unha nova división, de xeito que o director xerente de Skype, Tony Bates, pasará a ser o presidente da División de Skype de Microsoft, pasando a responder directamente ante Steve Ballmer, quen asegurou que con esta operación crearán «o futuro das comunicacións en tempo real para que a xente poida manter o contacto con parentes, amigos, clientes e colegas en calquera parte do mundo».

PUBLICIDADE