Microsoft faise con SwiftKey

mércores, 3 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos anos emerxeron distintos teclados alternativos para smartphones e tabletas, que axilizaban o tecleo en pantallas táctiles mediante técnicas que ían dende a reorganización das teclas até o uso de intelixencia artificial para prever as pulsacións do usuario, e dentro destas solucións destaca especialmente SwiftKey, que está presente e máis de 300 millóns de dispositivos con Android e iOS, o que levou a Microsoft a interesarse pola compañía até chegar a adquirila para manter as aplicacións de teclado para as plataformas actuais e explorar a posibilidade de integrar esta tecnoloxía nalgún dos produtos e servizos de Microsoft.
Lembremos que Microsoft xa ten unha tecnoloxía de Word Flow nos seus teclados virtuais para Windows, que permiten teclear sen levantar o dedo da pantalla na liña de como se fai con SwiftKey, e confían en que nos primeiros meses poidan combinar a tecnoloxía adquirida dentro da súa propia solución, o que non debería pór en perigo a continuidade dos produtos para iOS e Android, xa que a estratexia actual da compañía de Redmond está na multi-plataforma.
Dende o Financial Times aseguran que esta operación de compra podería terse pechado por 250 millóns de dólares.

PUBLICIDADE