Microsoft estará o 20 de marzo en Vigo para dar conta das súas novas solucións para a PEME

xoves, 16 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Microsoft vaise de xira. Así nolo fixo saber esta semana, dando conta de tódolos detalles do seu programa itinerante Impulsando PEME, unha rolda estatal de traballo e de encontros profesionais que arranca en Euskadi, o 21 de febreiro no pazo Euskalduna, e remata en Palma de Mallorca, o 28 de marzo, logo de pasar por Valladolid, Santander, Xixón e por unha cidade que nos colle ben de preto: Vigo. Por certo que esta cita galega será o 20 de marzo, no auditorio da Casa do Concello. Na xira participarán 18 empresas, entre as que se atopan ONO, a Escola Europea de Negocios, Prisa, HP ou APD.
O gran obxectivo da multinacional de Windows é amosar ás PEME españolas até que punto a súa tecnoloxía “pode axudarlles a reducir os seus custes e aumentar a produtividade e o rendemento”. O programa de actividades conta tamén co apoio de Avalon Rede de Expertos, que é quen organiza Impulsando PEME. Para as empresas, sinala con motivo da presentación desta xira Juan José Amor, director da división de Pymes e Partners de Microsoft Ibérica, “conseguir aforros de custes e aumentos de produtividade e rendibilidade é clave para ficar no mercado; o uso das tecnoloxías da información resulta crítico para acadar isto e evolucionar cara a un modelo na nube que permitiría reducir gastos e mellorar a flexibilidade, ademais de facer máis doado o emprego das TIC”. Segundo sinalou, as ferramentas de produtividade na nube de Microsoft están xa dispoñíbeis dende 5,25 euros ao mes ofrecendo colaboración, comunicacións unificadas e un gran abano de solucións e vantaxes para as pequenas e medianas empresas: dende o sistema operativo pasando por solucións ofimáticas até solucións para servidores e para software de xestión empresarial.

PUBLICIDADE