Microsoft empresta smartphones aos desenvolvedores de aplicacións para Windows Phone 8

mércores, 23 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Para o desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles os distintos kits de desenvolvemento inclúen habitualmente emuladores que simulan dos distintos tipos de pantalla que podemos atopar en dispositivos comerciais, pero este tipo de proba normalmente non é dabondo para comprobar que unha aplicación funciona sen problema nun smartphone, polo que a proba nun dispositivo real é moi recomendable antes do seu lanzamento, o que leva a Microsoft a ofrecer a programadores españois a posibilidade de emprestarlles un móbil Nokia Lumia 920, 820 ou 620 para que poidan probar os seus xogos e aplicacións en dispositivos reais, sempre que estean na súa fase final de desenvolvemento (pois a cesión do terminal é de só 15 días).
Os desenvolvedores que queiran favorecerse desta oportunidade poden pórse en contacto por correo electrónico con Microsoft, remitindo unha ligazón que permite acceder á aplicación coa que queren probar o móbil, e tras unha revisión inicial emprestaranlles un dos novos móbiles da familia Lumia de balde. Unha medida que pode contribuír a mellorar a calidade das aplicacións para Windows Phone 8.

PUBLICIDADE