Microsoft convoca a deseñadores web de toda España na xuntanza ReMIX

luns, 23 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Microsoft vai dedicar dous días a tomar o pulso das tendencias do mercado en cuestión de deseño e desenvolvemento web. Mais a compañía de software non o quere facer soa, senón acompañada de profesionais do sector procedentes de toda España. Con este fin, o Círculo de Belas Artes de Madrid estará habilitado os días 4 e 5 de xuño para dar cabida ó encontro ReMIX de Microsoft, unha xuntanza que a compañía quere empregar para “aclarar as fronteiras do espazo da Web actual na que se dilúen e trabucan as funcións de deseñadores, desenvolvedores, publicistas ou editores”. Cómpre sinalar que o xermolo deste encontro está no MIX, que é unha cita internacional que Microsoft celebra este ano do 30 de abril ó 2 de maio na cidade de Las Vegas, en Estados Unidos e que logo percorrerá diversas cidades europeas constituíndo un itinerario do que (precisamente) forma parte o ReMIX.
Segundo indica a multinacional, a xuntanza do Círculo de Belas Artes incluirá un total de vinte sesións encamiñadas a crear un marco de intercambio de coñecemento sobre tecnoloxías innovadoras e oportunidades de negocio. Entre outros especialistas do sector, está previsto que participen Forest Key, director de produto da división de servidores de Microsoft, que afondará na plataforma en liña Silverlight, presentada hai pouco na National Association of Broadcasters en Las Vegas “e que ofrece unha mellorada experiencia multimedia e un novo nivel ás aplicacións web interactivas”.

PUBLICIDADE