Microsoft convérsese na empresa informática con mellor reputación corporativa segundo o informe MERCO 2009

xoves, 2 de abril do 2009 Raquel Noya

Segundo un estudo levado a cabo por MERCO (Monitor Español de Reputación Corporativa), para o cal se enquisaron a máis de 15.000 directivos españois e a 3.350 consumidores, Microsoft Ibérica vén de converterse “na compañía informática con mellor reputación corporativa en España”, encabezando un prestixioso ranking que avalía anualmente a reputación das empresas que operan no noso país, e que xa é unha referencia para as grandes organizacións de cara a valorar e xestionar os seus intanxibles.
Na desagregación por sectores deste estudo, Microsoft Ibérica posiciónase como a primeira empresa informática medida pola súa reputación corporativa, por diante de IBM, Google, Hewlett Packard, Apple e Intel, respectivamente.
Asemade, a multinacional de software realizou un importante avance no Ranking MERCO xeral, subindo cinco posicións respecto ao ano anterior e situándose no posto número 14 das empresas con mellor reputación en España.
Na núa novena edición, o Monitor Español de Reputación Corporativa, reafirma a “positiva percepción” das políticas corporativas de Microsoft, entre as que destacan o traballo flexible, a diversidade ou xestión do talento e a carreira dos seus empregados, o seu amplo programa de Responsabilidade Corporativa, o impulso á innovación, o apoio aos emprendedores, o traballo con partners locais ou a xeración de emprego directo e indirecto, entre outras cousas. Tal é o optimismo deste estudo de cara ao xigante do software que segundo palabras da organización, Microsoft Ibérica, “vén de converterse nun espello que reflexa as tendencias do futuro e o camiño a seguir polas organizacións do século XXI”.

PUBLICIDADE