Microsoft continúa a súa campaña publicitaria para mellorar a imaxe de Windows Vista

venres, 19 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Traballador de Microsoft personificando o estereotipo do usuario de PC

Despois da mala acollida dos anuncios de Microsoft protagonizados por Bill Gates e Jerry Seinfeld, a compañía de Redmond continúa a súa campaña para mellorar a imaxe pública de Windows Vista cunha serie de anuncios televisivos que nacen como unha resposta á campaña de Apple de I’m a Mac. I’m a PC comezando pola aparición dun traballador de Microsoft emulando ao PC dos anuncios de Apple, que se presenta coma un estereotipo que se busca desbotar, de xeito que nos segundos sucesivos se poden ver a persoas en distintas situacións e de distintos ámbitos profesionais que aseguran ser usuarios de PC.

Gates aparece nos novos anuncios de Microsoft

Non faltan persoeiros coma Eva Longoria, Tony Parker, Deepak Chopra, Pharrell Williams e o propio Bill Gates defendendo o uso do PC e presentándose coma xente moi diversa, loitando así contra a idea de que a xente creativa e moderna prefire os ordenadores de Apple. E o lema desta campaña de 300 millóns de dólares é Windows. Life without walls (Windows. A vida sen paredes referíndose á superación das barreiras entre os ordenadores, os móbiles e a web) co que pretenden lavar a cara de Vista sen enumerar as súas características, apostando por unha visión máis humana que polo momento xa se presenta en 3 anuncios, nos que tamén parecen empregados de Microsoft xunto aos seus enderezos de correo electrónico, aos que se pode escribir recibindo logo unha resposta automática.

Microsoft insiste en que Windows racha as barreiras entre o ordenador, o móbil e a web


A mensaxe de Microsoft parece clara: Windows Vista é un sistema operativo para todos os públicos, tanto profesionais coma particulares, de xeito que non é algo pensado só para o uso por traxeados, senón que está dirixido a distintos perfiles de usuario.


O primeiro anuncio da nova serie de promocións de Microsoft


Versión reducida do anuncio anterior


Versión curta do anuncio na que se incide na vestimenta dos usuarios

PUBLICIDADE