Microsoft apoiará as novas iniciativas tecnolóxicas das universidades de RedEmprendia

mércores, 10 de xullo do 2013 Redacción

RedEmprendía colabora con distintas plataformas que contribúen ao emprendemento (na imaxe, Senén Barro asina un convenio de colaboración coa CSEV)

A rede universitaria iberoamericana RedEmprendia (da que forma parte a Universidade de Santiago, USC) e Microsoft Ibérica anunciaron esta semana que van colaborar no pulo á Investigación e o Desenvolvemento e máis na creación de novas empresas dende os campus de sete países de Iberoamérica. Máis polo miúdo, cooperarán impulsando accións de apoio, facilitando ferramentas, acceso a bases de coñecemento e formación técnica para os emprendedores nas 24 universidades iberoamericanas que participan na Rede.
O acordo establece o apoio ás spin-offs e startups de base tecnolóxica das universidades a través do programa BizSpark de Microsoft (de acceso totalmente gratuíto para os emprendedores de RedEmprendia) e a colaboración entre as universidades para identificar os ámbitos de investigación e innovación nos que se poidan fixar novos alicerces para o traballo ombro con ombro en proxectos conxuntos. O ex reitor e (actualmente) profesor da USC Senén Barro, presidente tamén de RedEmprendia, salientou a aposta desta entidade por “converter a Universidade en motor dun tecido empresarial iberoamericano baseado na innovación e o coñecemento, para o que é de vital importancia que as ideas que xerminan nas aulas e laboratorios conten con recursos para medrar e converterse en proxectos reais que redunden en beneficio de toda a sociedade”.

PUBLICIDADE