Microsoft anuncia os primeiros portátiles con Windows 10 baseados en procesadores ARM

martes, 5 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Hai xa un ano do anuncio de Microsoft de que estaba a preparar unha versión de Windows 10 para procesadores ARM que non sería a volta a Windows RT (que só funcionaba con aplicacións universais) senón que sería un sistema operativo completo que tiraría proveito das posibilidades dos equipos con ARM de cara ao seu uso en mobilidade; e finalmente a promesa concretouse nunha realidade, e hoxe presentan novos equipos de HP e Asus que dende a compañía de Redmond definen como ordenadores sempre conectados.
Deste xeito faise realidade algo que xa acontecía no mundo das tabletas: equipos que poden acender ao momento, que están sempre conectados á Rede e que gozan dunha grande autonomía. Para que isto puidese ser realidade Microsoft colaborou con HP e Asus para prepara un par de equipos con procesadores Qualcomm Snapdragon que corren Windows 10 e contan cunha versión optimizada de Office 365, levando os ordenadores persoais a un novo nivel. Tamén adiante que Lenovo tamén prepara un ordenador portátil nesta liña.
Estes novos ordenadores portátiles presumen dunha pantalla que se acende ao momento, de xeito que non hai que esperar a que se inicie o sistema operativo para comezar a traballar; están equipados con conectividade móbil, de xeito que poden estar sempre conectados á Rede; e a súa batería permitiría a moitos usuarios ter que recargar só a súa batería unha vez á semana (evitando ter que andar cargando cun adaptador de corrente en usos esporádicos).
Dende Microsoft confían en que este novo tipo de dispositivos teñan unha importante implantación nas empresas, facilitando novos xeitos de traballo, xa que tense a versatilidade dos dispositivos móbiles no formato dun ordenador portátil tradicional, de xeito que son moi aptos para labores de produtividade.
Os dous primeiros equipos en funcionar con Windows 10 para ARM serían o Asus NovaGo e o HP Envy x2. O portátil de Asus sería o primeiro portátil do mercado con Gigabit LTE (de xeito que sería capaz de descargar unha película de 2 horas en 10 segundos a través dunha conexión móbil), funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 835 con X16 LTE, e a súa batería pode aguantar até 30 días en espera e 22 horas de uso activo. Pola súa banda o equipo de HP confórmase con 4G LTE2 e unha batería cunha autonomía de até 20 horas de uso (tendo este equipo un formato semellante ao dos Surface Pro de Microsoft, ou sexa, que funciona con funda-teclado e lapis dixitalizador). Espérase que estes equipos saian á venda na primeira metade de 2018 a un prezo que estaría no contorno dos 600 dólares.

Vídeo promocional dos ordenadores sempre conectados

PUBLICIDADE