Microsoft amosou as vantaxes da súa nube perante as empresas galegas

mércores, 18 de marzo do 2015 Redacción

María Luísa Cid Castro, tenente de Alcalde de Emprego e Empresa da Coruña

O Edificio Ágora da Coruña acolleu o pasado 10 de marzo a celebración de Microsoft na túa cidade, unha xuntanza dirixida aos empresarios da nosa terra e encamiñada, tamén, a permitir que a multinacional tecnolóxica lles amosase as súas ferramentas na nube para incrementar produtividade e competitividade. A xornada arrincou cun relatorio de María Luísa Cid Castro, tenente de Alcalde de Emprego e Empresa da Coruña, e colleu corpo logo con variadas exposicións sobre as vantaxes concretas das tecnoloxías cloud. Segundo fixo saber Microsoft, “con independencia do seu tamaño, a nube permite ás empresas maximizar as oportunidades de medre grazas ao aforro de custos, a seguridade, a mobilidade e o acceso á información en calquera momento e en calquera lugar”.
Microsoft impartiu esta xornada en colaboración con HP, Intel, SAGE, e Vodafone. Na cita, os asistentes coñeceron de primeira man as solucións tecnolóxicas na nube que, en palabras do xigante de Redmond, “poden marcar a diferenza no seu día a día”. Por exemplo a ferramenta de produtividade Microsoft Office 365, a plataforma Microsoft Azure, as últimas novidades do sistema operativo Windows para o mundo da empresa, a xestión dos clientes con Dynamics CRM ou a flexibilidade achegada polos novos dispositivos 2 en 1 como Surface Prol 3.
Na cita cos empresarios galegos a compañía tamén lembrou que arestora está a ofrecer ás máis de 191.500 PEME galegas, ao abeiro do programa Modernice o seu negocio, diferentes descontos, formacións de balde, promocións e asesoría para facilitar esa transformación dixital das empresas. Microsoft tamén recordou o seu “forte compromiso co pulo á sociedade a través da iniciativa CityNext, centrada no impulso das cidades mediante o aproveitamento das oportunidades que brinda a tecnoloxía”. CityNext, engadiuse na xornada, permite aproveitar ao máximo os investimentos existentes “para atopar novas formas de superar os desafíos e acadar as metas marcadas, axudando a cidades como A Coruña non só a reforzar o seu tecido empresarial, senón tamén a mirar cara ao futuro e ofrecer novos servizos innovadores aos cidadáns”.
Durante o evento, Microsoft tamén ofreceu varias sesións de formación para os socios locais. E lembrou: “En Galicia preto do 45% das empresas que teñen a comercialización de novas tecnoloxías como actividade principal son socias de negocio de Microsoft e xogan un papel determinante en achegar a tecnoloxía ás PEME da comunidade”.

PUBLICIDADE