Esta web apoia  iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Microsoft advirte de que a maioría dos mozos responden na Rede a mensaxes de descoñecidos

martes 9 de febreiro do 2010, por Fernando Sarasqueta | Enviar por e-mail | Chuza! | Compartir

Hoxe, martes 9 de febreiro, celébrase no eido internacional o Día pola Internet Segura, que é o mesmo que dicir que se conmemora o uso na vida virtual do sentido común que decote adoitamos a empregar na nosa vida normal nas relacións cos demais. E é que na Internet, coma na vida comunicativa real que aquela intensifica, non todo o que reloce é ouro, e hai moita xente de xeito e outra que non merece nin sequera unha palabra pola nosa parte, por moito que se agoche detrás de nomes, avatares ou frases interesantes. Igual máis ou menos ca na vida física. O caso é que esta do sentido común é a mensaxe que lle quere enviar ao mundo a multinacional Microsoft con motivo da dita xornada de reflexión arredor da seguridade en liña, unha cuestión que, para que enganarnos, case lle dá máis crebadeiros de cabeza á propia empresa cá totalidade dos internautas do mundo. Á mensaxe de Microsoft, con ser louvable no seu interese por facérmonos precavidos (cousa importante na nenez e na mocidade, tanto coa Internet como no seu día a día), non lle falta un aquel de alarmismo.
Segundo indica a compañía no seu comunicado e reflicten medios como Xornal.com, máis da metade dos adolescentes españois, arredor dun 56%, foron contactados por un internauta descoñecido a través da Rede, sendo do 76% a porcentaxe de enquisados que responderon, aínda que só fose por curiosidade.
A cousa, sen chegar a ser preocupante (posto que non todos os descoñecidos teñen malas intencións, algúns até che poden amañar a vida), si que dá que pensar no vulnerables que nos poden facer as ferramentas de comunicación a distancia, con esa teima súa de premernos na curiosidade polo descoñecido.
A enquisa en cuestión, feita durante o mes de xaneiro dende o portal MSN de Microsoft, desenvolveuse sobre unha base de 600 persoas e dezaseis preguntas sobre a privacidade na Rede e o emprego das redes sociais. Os datos achegados non están a caer en saco roto, e xa foron quen de asentar un acordo entre a Policía Nacional, a Unión Europea, o colectivo Protégeles e a propia Microsoft no camiño de promover unha Rede máis segura. Sinalar que os datos do estudo foron dados a coñecer case de xeito simultáneo que o caso de suposta violación acontecido en Chiclana (Cádiz), onde un home de 33 años foi detido pola policía como presunto autor de abusos a unha menor á que coñeceu a través das redes sociais.

Publicidade:



Caixa Galicia













Revista en PDF:
Descárgaa xa