Microsoft Research está a traballar nun tradutor de voz-a-voz

venres, 9 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Nos últimos días o enxeñeiro de Microsoft Research, Rick Rashid, amosou en China unha nova tecnoloxía de que están a desenvolver e que permitiría a tradución de linguaxe natural en poucos segundos, destacando por ser unha solución voz-a-voz que non se limitaría a recoñecer ordes como a meirande parte dos sistemas actuais, senón que actuaría como un intérprete.
Esta tecnoloxía está baseada en redes neuronais, de xeito que o sistema adestra para mellorar o recoñecemento de voz humana, reducindo considerablemente os erros de recoñecemento fronte a métodos anteriores (agora o sistema erraría nunha de cada 7 ou 8 palabras, cando antes acontecería cunha palabra de cada 4 ou 5).
Na demostración realizada en Tianjin, Rashid dirixiuse ao sistema en inglés, recoñecéndose as súas palabras e podendo escoitalas a audiencia en chinés cun pequeno retraso, o que dista moito de ser unha tradución perfecta, pero que supón un importante avance, en boa medida porque a voz sintetizada estaría baseada na do propio orador, en vez dunha voz robótica preprogramada.
O que parece claro é que non teremos que agardar décadas para ver algo semellante aos tradutores universais que podiamos ver en películas de ficción científica, e en poucos anos poderemos dar testemuño de grandes avances neste eido.


Vídeo coa presentación de Rashid en Tianjin (China)

PUBLICIDADE