Microsoft Edge porá freo ao abuso do Flash

venres, 8 de abril do 2016 Marcus Fernández

Aínda que a tecnoloxía Flash de Adobe está destinada a desaparecer da web, dende Microsoft queren facer doada a transición cara a súa desaparición, e na versión do seu navegador Edge que chegará coa actualización de aniversario de Windows 10 integrará un sistema intelixente que porá en pausa os contidos en Flash que non sexan a parte central dunha páxina web, de xeito que as numerosas animacións en Flash que se activan en algúns espazos web deteranse automaticamente, evitando así o seu inmenso consumo de recursos, axilizando así o funcionamento do navegador e incluso reducindo o consumo enerxético.
Esta solución non afectará ao contido central dunha páxina, como poderían ser os xogos ou os vídeos, pero en numerosas ocasións actuaría practicamente como un bloqueador de publicidade, xa que detería os numerosos anuncios e botóns en Flash que ateigan algunhas páxinas web que poden chegar a converterse nunha auténtica tortura polo seu desleixamento ou pola falta de respecto aos seus usuarios.
Dende Microsoft lembran que aínda que a tecnoloxía Flash formase unha parte moi importante da Internet nos últimos anos, é un grande problema para dispositivos móbiles e para a seguridade dos sistemas informáticos, polo que os navegadores web están a abandonar esta tecnoloxía para adoptar estándares como o HTML5, que consumen menos memoria e procesador, á vez que manteñen unha seguridade moi superior (xa que Adobe ten demostrado a súa neglixencia mantendo seguros os seus reprodutores de Flash e lectores de PDF, converténdose nun dos vectores de ataque máis habituais por parte do malware).

PUBLICIDADE