Micompragallega.com asina un acordo con UNICEF para protexer á nenez en África

luns, 5 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

É posíbel mercar produtos da nosa terra e contribuír, a maiores, a protexer a nenez no mundo. Esta é a proposta que veñen de lanzar os responsábeis de Micompragallega.com, o supermercado en liña de produtos do país que complementa, dende xa, a súa defensa do noso coa iniciativa solidaria de axudar ao Fondo de Nacións Unidas para a Nenez (UNICEF) na loita a prol dos dereitos das nenas e nenos máis vulnerábeis. Deste xeito, cada internauta que faga unha compra neste establecemento en liña, estará a contribuír tamén á escolarización de cativos de África, así como á mellora da súa saúde e a súa nutrición. A iniciativa responde a un acordo asinado con UNICEF mediante o que se destinará unha achega de 1.500 euros ano ano ao proxecto Escolas para África.
O programa Multiplica pola Nenez, do que forma parte Escolas para África, permite ao servizo galego, xunto a outros cofinanciadores, contribuír ao traballo da ONG nos países que máis sofren os devanditos problemas de coidados aos cativos, todos achegando o ombreiro no obxectivo común de impulsar a escolarización de oito millóns de nenas e nenos en 11 países de África para o ano 2013.
A xuízo dos responsábeis do establecemento galego, a medida xorde da súa arela de converterse en protagonista dun cambio social que consideran especialmente necesario. A través da iniciativa posta en marcha, o supermercado dixital estará a colaborar coa escolarización xusta e digna dos nenos, traballando por conseguir unha educación baseada en boa medida nos dereitos humanos e a igualdade de xénero, a calidade e a educación eficaz con mestres capacitados, achegándolles aos cativos un contorno seguro, acceso a auga potábel e baños en boas condicións, revisións médicas e mecanismos de prevención con servizos de vacinación, entre outras cousas”.
Como lembraremos, a tenda en liña Micompragallega.com púxose en marcha este mesmo verán que vimos de deixar atrás, ofrecendo directamente aos fogares de toda España unha ampla variedade de produtos galegos de primeira calidade. A páxina web, creada polos vigueses Mercedes Inaraja e Nacho Berrocal, achegou unha oferta inicial (logo ampliada) de máis de 70 variedades de carnes, peixes, mariscos, empanadas e conservas que non se adquiren de xeito doado nos supermercados de fóra, así como unha vintena de viños e licores típicos da nosa xeografía, que se poden solicitar comodamente por Internet e se reciben nun prazo máximo de 48 horas na dirección indicada.

PUBLICIDADE