Meubook estrea nova feitura web destinada a facilitar os procesos de publicación

xoves, 15 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Meubook, a plataforma galega para promover as nosas obras culturais a través das novas canles, ten operativa dende hai uns días a súa nova páxina web: Meubook, A factoría dos teus libros. Con esta nova achega, infórmanos a empresa compostelá Tórculo, co-responsábel da posta en marcha e desenvolvemento da iniciativa, ponse en xogo unha simplificación dos procesos editoriais, de xeito que co menor número de pasos e no menor tempo posíbel, poidamos facer realidade, os internautas, a nosa arela de publicar. A web renóvase baixo o seguinte lema: Porque os soños fanse realidade, somos a factoría dos teus libros.
A idea sobre a que apoia esta estratexia é a de situar ao usuario como eixe central da proposta, “ela ou el será quen publique, quen venda, quen comente, quen opine, quen merca, e todo nun espazo persoal e dinámico”, informan. Meubook baséase no concepto da web 2.0 e estes cambios dos que vén de ser obxecto diríxense máis que nunca a ese concepto, achegándose unha completa renovación visual e estética e tamén de funcións, procesos e navegación, todo máis participativo e próximo. En palabras dos responsábeis de Meubook, trátase de permitir que calquera usuario se converta en xerador potencial de contidos. Neste e noutros sensos, a plataforma ofrécelles aos internautas asesoramento e información constantes e, unha vez publicado o contido, axúdalles a divulgalo e promovelo a través da Internet e as redes sociais.
Outro dos aspectos clave que distinguen a Meubook é a calidade, subliñan os seus promotores. Neste senso, comentan, cómpre esquecer a idea de que a “autopublicación teña que estar rifada coa calidade; con este obxectivo supervisamos os procesos de produción, dende o que nos leva o pedido até que se fai o envío e empréganse os mellores materiais”. Amais de todo isto, nesta nova andaina de Meubook poderemos atopar espazos diferenciados e personalizados para cada tipo de publicación e institución, dende autores até editoriais ou universidades. A presenza un mesmo espazo dun amplo conxunto de proxectos, institucións e empresas multiplica a visibilidade de cada unha delas, fomentando a interacción e relacións entre os usuarios, sinalan os responsábeis de Meubook.

PUBLICIDADE