Meta permitirá pagar por non ver publicidade en Facebook e Instagram

luns, 30 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Meta anuncia que para adaptarse á nova lexislación europea decidiu que a partir de novembro van ofrecer como opción para os usuarios da Facebook e Instagram na Unión Europea, o Espazo Económico Europeo e Suíza a posibilidade de contratar un servizo de pagamento que eliminaría a publicidade, sendo realmente a clave deste servizo que os datos persoas dos usuarios que paguen non se aproveitarán para fins publicitarios.
Deste xeito para gozar de Facebook ou Instagram poderemos elixir entre facer un uso de balde pagando cos nosos datos ou realizar un pagamento de 9,99 euros/mes (12,99 euros/mes se contratamos a través dunha aplicación móbil) para que todas as contas que teñamos ligadas de Facebook e Instagram queden libres da publicidade. Cómpre advertir só será até o 1 de marzo de 2024 cando a subscrición afectará a todas as contas que teñamos no Centro de Contas de Meta, pois a partir desa data a compañía pasará a cobrar unha contía de 6 euros/mes por cada conta adicional á que queiramos ampliar o beneficio.
Dende Meta aseguran ter tomado esta decisión forzados pola lexislación europea, xa que seguen a crer nunha Internet financiada mediante publicidade, pero dado que teñen que ofrecer aos consumidores a posibilidade de que os seus datos non sexan procesador pola compañía, decidiron que o máis razoable era dar esa opción compensando á plataforma economicamente pola publicidade que deixaría de poder vender en caso de non poder facer un seguimento do usuario.
O deseño desta subscrición deixa claro que non busca a súa contratación masiva, senón que os usuarios sexan máis conscientes de que están a empregar os seus datos como forma de pagamento, e que así acepten de bo grado ceder a súa información persoal.

PUBLICIDADE