Meristation deberá pagar 12.000 euros por permitir insultos e ameazas nos seus foros

mércores, 5 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que a lexislación actual deixa claro que os prestadores de servizos da sociedade da información non teñen a obriga de coñecer os contidos exhaustivos de todos os contidos que publiquen os seus usuarios, nin de se tales manifestacións poidan constituír delito, unha sentenza da Sala Primeira do Tribunal Supremo sanciona á popular páxina web de videoxogos Meristation a pagar unha indemnización de 12.000 euros por non eliminar insultos e ameazas dos seus foros emitidos polos seus usuarios.
Con isto non quere dicir que os administradores dos foros sexan responsable de todo o que publican os seus usuarios, senón que neste caso resultaba claro que as opinións publicadas no foro de Meristation vulneraban a honra da parte demandante (unha tenda de videoxogos), definindo aos responsables do establecemento como “hijos de puta, estafador, ladrón...” e incluíndo ameazas aos mesmos (con frases como “tenían que ponerse de acuerdo la gente estafada y hacerle la cirugía facial a golpes entre todos” ou “haber si le dan por el culo al tal Evelio y le meten un puro que le salga por los ojos, queremos pan, queremos vino, queremos al Evelio colgao de un pino”), e considerouse demostrados que os administradores do mesmo coñecían os contidos publicados (incluso recibiron un burofax solicitando a retirada das mensaxes ofensivas) durante un longo período de tempo.
O interesante do “coñecemento efectivo” da ilegalidade dos contidos publicados é que, aínda que non houbese unha sentenza anterior que determinase tal, o Tribunal considera que iso non era preciso ante a gravidade deste caso en concreto, detallando que non sería razoable agardar á tutela xudicial pretendida polos demandados, xa que de agardar a unha resolución xudicial previa provocaríanse uns prexuízos irreparables para a parte demandante. Temos así un claro caso no que os moderadores do foro de Meristation (publicación dixital pertencente ao Grupo PRISA) deberían ter intervido, como fan en moitos outros casos para controlar os chamados ataques troll.

PUBLICIDADE