Mercury Stream podería estar a desenvolver unha secuela do seu Castlevania para distintas plataformas

martes, 22 de maio do 2012 Marcus Fernández

Enric Álvarez durante a presentación da Nintendo 3DS en Madrid o ano pasado

Cando o ano pasado presentouse oficialmente en España a consola Nintendo 3DS nun acto que tivo lugar en Madrid, sorprendía ver entre os convidados a Enric Álvarez, de Mercury Steam, estudo que viña de desenvolver o xogo Castlevania: Lords of Shadow, o que daba a entender que tal xogo podería contar cunha versión para a nova portátil de Nintendo, e ao final parece que imos saír de dúbidas no E3, feira do videoxogo na que poderían anunciarse 2 xogos da franquía da familia Velmont.
Por unha banda teriamos que a Nintendo 3DS recibiría en exclusiva o xogo Castlevania: Mirror of Fate, que sería un título para Nintendo 3DS e Wii U que levaría ano e medio en desenvolvemento, contará con 2 personaxes protagonistas diferentes, permitiría o xogo cooperativo (comunicando a 3DS coa Wii U para interactuar entre ambas consolas), tería unha experiencia de xogo 2D como vén a ser habitual nas consolas portátiles e aproveitaría as cámaras da 3DS en novos mecánicas para solucionar quebracabezas.
Paralelamente o estudo español Mercury Steam tamén estaría a desenvolver a secuela do seu anterior Lords of Shadow, que chegará en versión para Xbox 360 e PlayStation 3, existindo rumores que apuntan a que tamén tería versión para Wii U, polo que non queda nada claro se a futura consola de sobremesa de Nintendo terá unha versión do xogo de consolas domésticas ou do que chegará á 3DS. No E3 sairemos de dúbidas.

O Castlevania de Mercury Steam podería ter unha secuela en desenvolvemento