Menus.es vaise a Silicon Valley da man de La Caixa
mércores, 21 de novembro do 2012
Menus.es,
servizo-empresa centrado en cupóns de desconto e menús de
establecementos xeolocalizados de toda España, vaise a Silicon
Valley o vindeiro 26 de novembro (até comezos de de decembro) para
participar nunha xeira de encontros empresariais, tecnolóxicos e
innovadores, con firmas TIC e complexos de I+D da costa oeste de
Estados Unidos. As xuntanzas veñen da man de La Caixa e insírense
na súa estratexia para permitir o achegamento das empresas españolas
innovadoras ao “meirande polo de innovación a nivel mundial”.
A firma galega Menus.es,
da que temos falado en Código Cero para dar
conta da súa posta en marcha e da súa
concorrencia en EmprendedorXXI, viaxará a California xunto con
outras dezasete novas empresas (escolmadas de tódalas comunidades
autónomas) para participar nas devanditas xeiras de visitas,
networking e foros de investimento. Na axenda de viaxe están
programada tomas de contacto, in situ, con empresas senlleiras
de Silicon Valley, como Google, Softonic, IBM, Microsoft, a NASA e
Pzifer, entre outras, ademais de institucións de prestixio, como a
Universidade de Stanford. La Caixa fixo a dita selección de novos
emprendedores a través do devandito Premio Emprendedor XXI.