Menéame estrea deseño

mércores, 21 de decembro do 2016 Marcus Fernández

A primeiros de ano Ricardo Galli pasou o relevo da dirección da popular plataforma de recomendacións de novas Menéame ao galego Daniel Seijo, e tras meses de traballo os cambios na web son cada vez máis visibles, xa que, mantendo a súa estrutura e aspecto orixinal, Menéame renova o seu deseño cuns obxectivos claros: dar visibilidade ás comunidades temáticas (chamadas subs), facilitar o uso a novos usuarios, manter as opcións existentes e adoptar un deseño máis moderno e lexible.
Coa nova imaxe de Menéame os subs están presentes na cabeceira da web, procurando crear así versións temáticas de Menéame na liña do que acontece actualmente con Reddit nos EE.UU., onde abondan as temáticas secundarias que chegan a coller unha grande entidade. Aínda que estas comunidades temáticas xa existían dende 2014, non tiñan a visibilidade suficiente para promover o seu uso, co novo deseño gañan peso, incorpóranse novos subs oficiais (creados por Menéame, que actualmente son Series, Mobilidade, Videoxogos, Startups, Drons e Rechouchíos) e tamén subs recomendados (administrados por usuarios).
Para conseguir unha experiencia máis personalizada, os usuarios poden configurar que a súa portada de Menéame, en vez de ser a xeral, inclúa os subs aos que estean subscritos.
Daniel Seijo tamén adianta que para o ano que vén prevén potenciar aínda máis a creación de comunidades temáticas (para o que incluso farán experimentos con comunidades en liña e fóra de liña), buscarán mellorar a xestión da comunidade (algo sempre demandado pola comunidade para unha boa convivencia), mellorar a promoción de novas e incluso desenvolver experimentos nos chamados Menéame Labs.

PUBLICIDADE