Menéame, Google e Eldiario.es unen forzas con outras entidades para loitar contra a reforma da LPI

venres, 7 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

Arredor dunha ducia empresas e organizacións procedentes “de diversos sectores económicos” veñen de unir forzas para lanzar unha plataforma común de traballo a prol do coñecemento libre e dun modelo de Internet oposto ao que se promulga e impulsa ao abeiro da Lei de Propiedade Intelectual (LPI), cuxo anteproxecto aprobouse recentemente, tal e como sinalamos dende Código Cero, facendo fincapé no rexeitamento que está a provocar nunha chea de eidos sociais e na petición xeral para que se modifique na Lei o concepto de copia privada por considerar que supón unha desconexión total coa realidade e que mesmo prexudica a creadores e artistas, que sen copia privada non poderían ter acadado relevancia.
Lembrar que o texto exposto non só facía ilícitas as descargas de Internet, senón tamén copiar un orixinal emprestado por un amigo, algo que sempre foi legal.
Pois ben, para rexeitar estas e outras disposicións, púxose en marcha a Coalición Prointernet, unha plataforma que ten en común “unha visión aberta e innovadora da contorna dixital e a súa firme oposición a a determinados aspectos concretos do proxecto de reforma da LPI”. Entre as entidades fundadoras de Coalición Prointernet atópanse a asociación de editores de prensa AEEPP, a Asociación Española de Economía Dixital (ADigital), a Asociación de Internautas, Google, Menéame, Weblogs, Hipertextual, ADSLzone, os medios 20minutos.es e Eldiario.es, así como profesionais da comunicación do sector dixital a título individual.
Coalición Prointernet está aberta a adhesións de cantos compartan o seu ideario. Segundo fai saber a plataforma, “a iniciativa normativa do Goberno sobre a LPI que pretende institucionalizar un canon dixital en favor de determinados editores de prensa e restrinxir o dereito á copia privada, vai contra os fundamentos de Internet e do desenvolvemento do mundo dixital”. Porén, a Coalición Prointernet manifesta o seu apoio á protección dos dereitos de autor en Internet, pero ao tempo considera que é precisa “unha reforma que permita ademais a creación de novos modelos de negocio e de xestión, tendo en conta a Internet como elemento transformador de todas as actividades económicas”.

PUBLICIDADE