Membros do CITIC da UDC participan no arquivo de datos da misión espacial Gaia

mércores, 11 de outubro do 2023 S. P.

A misión espacial Gaia, da Axencia Espacial Europea (ESA), está a supor un paso importante na comprensión da estrutura e a formación da nosa galaxia (a Vía Láctea). Dende a ESA veñen de publicar un novo arquivo de datos astronómicos da dita misión Gaia, o Gaia FPR, que está xa dispoñíbel para a comunidade internacional. Detrás deste achado atópanse un grupo de investigadores galegos, o CU8 e CU9, liderado polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña), que tivo un papel fundamental na validación dos datos contidos neste arquivo.
Trátase dun proceso esencial no que se garante a calidade e coherencia da información científica, para o que se realizaron exhaustivas probas estatísticas para eliminar calquera información errónea ou de calidade insuficiente.
Amais do seu papel na validación, a astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte, investigadores do CITIC da UDC, xunto co resto de equipo de Gaia na UDC, participan como autores nos artigos científicos que acompañarán a apertura deste arquivo.
Este novo lanzamento marca un importante fito na Astronomía en áreas moi diversas, que abranguen desde o estudo de asteroides próximos á Terra e outros obxectos do Sistema Solar, até os cuásares, os obxectos máis antigos e afastados do Universo.

A investigadora do CITIC da UDC Minia Manteiga

O mellor mapa da nosa galaxia Gaia está cartografando a nosa galaxia e outras máis afastadas cun extraordinario grao de detalle e en varias dimensións, non só obtendo posicións de estrelas da Vía Láctea e de galaxias próximas, senón tamén as súas velocidades e a medida da súa luz en multitude de cores. Isto permítenos obter o censo estelar máis preciso xamais realizado.
Entre os produtos que se inclúen en Gaia FPR, atópanse datos únicos e dunha calidade sen precedentes sobre unha ampla variedade de obxectos astronómicos, como órbitas detalladas de asteroides e satélites planetarios dentro do noso sistema solar. Esta información é fundamental para predicir as súas futuras posicións, o que é relevante para os NEOs (do inglés Near Earth Objects, obxectos próximos á Terra) debido ao seu potencial perigo.
No que se refire aos obxectos máis distantes no universo, os cuásares, Gaia FPR tamén achega información valiosa, unha listaxe de 381 obxectos que son candidatos firmes a ser lentes gravitacionais. Estas lentes son imaxes repetidas dun único cuásar, producidas cando a luz do mesmo se curva por mor da presenza dunha galaxia no seu camiño, creando imaxes repetidas no ceo. Detectar estes obxectos é un desafío significativo, e Gaia logrou descubrir novos obxectos deste tipo.
Outro achado a salientar de Gaia FPR é a información sobre a presenza de nubes de po interestelar na Vía Láctea que afectan a intensidade lumínica das estrelas en certas cores, coñecidas como Bandas Difusas Interestelares (DIBs), proporcionando unha información que será crucial para entender a orixe química das moléculas que conteñen estas misteriosas nubes.
Alén disto, o arquivo contén unha lista de brillos e posicións precisas de máis de medio millón de estrelas no centro do cúmulo estelar Omega Centauri, o grupo de estrelas máis grande da Vía Láctea, que se sospeita que pode albergar un buraco negro no seu núcleo. Gaia FPR ofrece tamén información sobre velocidades na liña de visión dun conxunto de estrelas cuxo brillo varía ao longo do tempo, coñecidas como estrelas variábeis de período longo.


PUBLICIDADE