Meltdown e Spectre afectan aos ordenadores e dispositivos móbiles de Apple

venres, 5 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Non cesan as informacións ao redor de Meltdown e Spectre, e agora é Apple a compañía que da un paso adiante para insistir en que o problema de seguridade afecta a todos os sistemas operativos e dispositivos informáticos modernos, para recoñecer que non só todos os sistemas Mac están comprometidos, senón que tamén acontece o mesmo cos dispositivos con iOS, aínda que chaman á tranquilidade ao asegurar que polo momento os consumidores non corren risco, aínda que para unha protección futura recomendan actualizar iOS, macOS e tvOS para manter os dispositivos protexidos deste tipo de vulnerabilidades.
Curiosamente o Apple Watch é un dispositivo que polo momento non estaría afectado por Meltdown. Pola contra, o navegador web Safari sería vulnerable a Spectre, polo que en breve recibirá unha actualización para procurar defenderse deste tipo de ataque.
Aínda que nun principio falouse de que as medidas de seguridade para evitar a Meltdown provocarían unha redución de rendemento nos equipos de entre o 5 e o 30%, dende Apple aseguran que os parches que aplicaron non teñen un impacto perceptible nun uso normal dos seus equipos, para tranquilidade dos consumidores.

PUBLICIDADE