Medra o investimento de Innova Saúde e Hospital 2050

venres, 5 de outubro do 2012 Redacción

Innova Saúde e Hospital 2050, proxectos dos que falamos recentemente con motivo dos apoios e suxestións innovadoras que están a recibir de xeito colectivo e aberto (até 142 xa), son a día hoxe os proxectos máis ambiciosos en materia de innovación sanitaria do Goberno galego actual, que quere ter un financiamento á medida. Segundo informa a Xunta, non só se teñen superado as expectativas de investimento (pasando dos 90 millóns iniciais a 99, co que se reforza a vertente de I+D), senón tamén o grao de execución dos mesmos.
Este ano”, fixo saber este días o Goberno galego, “están en marcha case a metade do total das execucións: 14 millóns tramitados desde principio de ano e outros 27 millóns que estamos tramitando con data tope final do ano 2012. É dicir, máis de 40 millóns licitados neste ano para innovación sanitaria”.
Sinalar que Hospital 2050 é un proxecto encamiñado “a desenvolver un hospital do futuro, eficiente, seguro, respectuoso co medio ambiente, adaptado ás novas tecnoloxías e centrado no paciente”. Pola súa banda, a iniciativa Innova Saúde céntrase na prestación de servizos asistenciais, cun novo modelo de hospitalización e un novo procedemento para os procesos agudos.

PUBLICIDADE