Medra o interese pola exposición sobre intelixencia artificial que hai na Coruña

luns, 19 de decembro do 2022 Redacción

A elección da cidade da Coruña para acoller a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), xerou un notable incremento do interese pola intelixencia artificial se atendemos ao incremento de afluencia á exposición AI: More than Human, que pode verse na sede de Afundación desde o pasado setembro, e que aumentou un 60% tras o anuncio.
O incremento de visitantes foi especialmente notable nos días que seguiron ao 5 de decembro, data do anuncio de que a cidade será sede da AESIA. A Coruña quere saber máis sobre intelixencia artificial. Nesa semana da designación, na que houbo ademais dous festivos, o público de AI: More than Human creceu nun 90% con respecto aos datos medios de asistencia.
Nos días 6 e 8 de decembro, non laborables, a sede coruñesa de Afundación rexistrou récords de asistencia á exposición. A comparación mesmo é moi positiva con respecto ao festivo anterior, o 1 de novembro: un 50 % máis de visitantes, e ofrece resultados similares para días non festivos.
Este aumento no interese por aprender máis, de forma amena, sobre intelixencia artificial creceu tanto para as visitas libres como para a opción de visitas guiadas que ofrece Afundación nesta exposición. A opción de percorrer «AI: More than Human» nunha visita guiada ofrece outro tipo de experiencia.
As visitas guiadas realízanse en grupos reducidos, de non máis de 20 persoas, en horario de mañá e tarde de martes a domingo e os luns de mañá. Para algúns dos días da próxima etapa do Nadal, comeza a rexistrarse unha forte demanda para as entradas dispoñibles, que poden obterse en Ataquilla.com.

PUBLICIDADE