Medra imparable o problema dos refugallos tecnolóxicos nos países emerxentes

xoves, 24 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Que pasa realmente hoxe en día no mundo cos móbiles que xa non usamos, cos equipos informáticos que fican obsoletos? Parámonos algunha vez a preguntarmos de verdade que acontece con todo iso? Certamente, se estas dúas preguntas non moven á reflexión se cadra o fan imaxes coma esta ou coma esta outra, ou mesmo esta, vistas no caderno de Phauly no Flickr e obtidas na rexión chinesa de Guiyu, un exemplo perfecto de espazo xeográfico en desenvolvemento que serve, por así dicilo, de vertedoiro do lixo tecnolóxico que lle sobran ás rexións máis ricas. As fotografías falan por si soas e non precisan explicación, o arreguizo que nos entra polo corpo ó ver esa montaña de móbiles e computadoras portátiles ó carón dun río é, tristemente, unha boa maneira de entender isto do que falamos. Porén, un dos aspectos máis terribles da cuestión é que eses refugallos serven de medio de vida a moitas familias destas e doutras rexións, polo que se están a afianzar o camiño da perpetuación. Ou sexa: ás mesmas autoridades lles convén arroxar eses despoxos ós cidadáns polos que teoricamente ten que velar.
Demencial.
No mundo, segundo estudos elaborados recentemente polas Nacións Unidas, o lixo tecnolóxico acada xa os 50 millóns de toneladas, e a situación non fai máis que ir a peor se temos en conta o interese da industria polo seguinte. 1º Por facer aparellos que teñan menor durabilidade. 2º Por saturar á poboación con campañas máis ou menos directas de publicidade nas que ofrecen saudables e interesantes hábitos de vida baseados no troco inmediato dunha tecnoloxía por outra. Ou sexa: non hai día en que non se nos diga dunha maneira ou outra, que dificilmente formaremos parte do mellorciño da sociedade se nos apegamos ós trebellos tecnolóxicos pasados de moda. De feito, sabemos xa que a media de “vida” útil das computadoras nos países en desenvolvemento caeu de seis anos en 1997 a dous en 2005. Isto non tería que ser malo sempre e cando fosemos libres de decidir se queremos trocar de aparellos e fose posible unha reciclaxe sostible e integral de todo aquilo que decidamos non empregar. Máis non é así.
Segundo informacións da Axencia de Protección Ambiental de Estados Unidos (vía El Comercio de Perú) o problema non é a tecnoloxía en si mesma, senón o que leva dentro. E preguntámonos: é preciso que un móbil ou un computador leven nas vísceras compoñentes tan nocivos e contaminantes como o cadmio, o chumbo, o berilio ou o mercurio? É imprescindible? Por que ten que ser así? As organizacións ecoloxistas coinciden nisto: reciclar é o único xeito de evitar unha catástrofe certa. E, para facelo, o primeiro é clasificar.
Ou sexa, que cada elemento do aparello, até o máis miúdo, deberá ser obxecto de certos procesos específicos de manexo. Sexa como sexa, o que non se debe facer é o que se fai até o de agora cunha chea de refugallos, mesmo na nosa terra: incinerar (ou se imos por libre, como soe pasar, aplicar directamente a técnica de tirar coa pantalla dende a xanela do coche). A queima, tendo en conta que unha boa parte dos electrodomésticos teñen compoñentes tan tóxicos coma o PVC, constitúe unha das peores alternativas posibles.
Desleixo nos fabricantes
Polo que respecta ás propias empresas fabricantes, que son as que teoricamente máis terían que facer por evitar unha situación como esta na que vivimos xa (e que vai ir a peor nos vindeiros anos senón lle poñen remedio, sobre todo as propias empresas), o que semella que impera é un proceso xeral de mans postas a lavar. Ou sexa: salvo unhas contadas excepcións, as grandes empresas do tecnolóxico están a lanzarnos a seguinte mensaxe: safádevos co que tendes. Isto, que en occidente pode ter algún tipo de amaño (nas cidades grandes como por exemplo en Vigo hai campañas de reciclaxe de trebellos tecnolóxicos, e tamén hai asociacións de software libre por toda Galiza que favorecen a recollida de equipos, como por exemplo Compostela Wireless), adquire altísimos niveis de risco nos países desenvolvidos, e xa non digamos nos rematadamente pobres (África sofre hoxe en día -como nunca antes-, os efectos de ter sido forzada a converterse nun gran colector de desperdicios relacionados co dixital e coa Sociedade da Información).
Segundo informes recentes de Greenpeace (adoitan a ser estudos trimestrais), a firma mellor valorada no que se refire ó respecto polo medio é Nokia. No outro estremo temos a Apple, que está a ser cuestionada por movementos ecoloxistas, tal e como se puído ver na pasada edición de MacWorld, onde se lle esixiu máis responsabilidade no que atinxe á reciclaxe dos seus produtos e, tamén, a eliminación de materiais tóxicos no iPod.
Sexa como sexa, Apple semella que ó longo destas últimas semanas decidiu pórse mans á obra en materia de respecto polo medio. Polo de agora, o que sabemos é a previsión de suprimir o arsénico e máis o mercurio das pantallas LCD, polo que os computadores de Apple virán no futuro con retroiluminación LED. Segundo a firma da mazá, isto faríase efectivo antes de 2008. Confiemos en que sexa verdade.
Porén, non é Apple o único fabricante que recibe turradas de orellas. Tamén as hai para Dell polos seus retardantes de flama bromados (que inciden na capacidade de memoria e de aprendizaxe dos usuarios, tal é a súa toxicidade).

PUBLICIDADE