Medra en Europa o descontento contra Apple polas restricións fronteirizas en iTunes

mércores, 4 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

A mazá de Apple ten unha franxa en sombra, e aí, no que non se ve a simple vista (ou no que non se promove en notas de prensa corporativas) é onde ten a raizame o descontento dunha boa parte dos seus clientes non estadounidenses e das autoridades que en teoría (e ás veces, mesmo na práctica) velan polos intereses destes clientes. Esta enleada vén a conto porque, como planetas nunha conxunción de mal agoiro, as informacións negativas vinculadas á casa Apple semella que andan a arrexuntarse de máis nas coordenadas espazo-temporais. Informacións sobre todo procedentes do vello continente, onde xa non causan graza medidas como as “fronteiras virtuais” en iTunes (que poñen barreiras ós clientes que queiran mercar noutra tenda diferente ó do seu país), polo que as autoridades mesmo veñen de tomar cartas no asunto, sendo a de Bruxelas a encargada de levar a voz cantante e procedendo a amoestar á compañía e ás súas aliadas discográficas polo que define como unha violación das competencias comerciais europeas e mesmo das liberdades dos usuarios.
Todo isto ten a súa raizame nas restricións de emprego de iTunes para clientes de fóra dos Estados Unidos. En Europa, de feito, o que podemos atopar na tenda virtual non coincide co que hai a disposición dos norteamericanos, e normalmente somos nós os que saímos perdendo. Ademais, hai diferenzas de prezo. Mais o problema de verdade semella radicar en que o usuario non pode elixir onde quere mercar os temas musicais, xa que en iTunes só se pode comprar en liña cunha tarxeta de crédito emitida por un banco do país do usuario e na tenda do seu estado en concreto. Así, se queremos mercar cancións do catálogo alemán ou de calquera outro país, imos atopar un muro ben groso de formigón.
Apple deféndese dos ataques dos usuarios e das ameazas de Bruxelas e gobernos como o de Noruega, Holanda e Alemaña dicindo que son esixencias das propias discográficas, e que non se pode facer nada perante os límites impostos ó venderen as licenzas de distribución dos seus produtos.

PUBLICIDADE