Medra en 3,2 puntos o número de concellos que permiten facer tramitacións telemáticas

luns, 11 de xullo do 2016 Redacción

O OSIMGA vén de dar a coñecer un interesante informe sobre o nivel de implantación das ferramentas dixitais de comunicación e interacción coa cidadanía nos nosos concellos: o nivel de afianzamento en cada un deles do que se vén coñecemento como Administración Dixital. As cifras tenden a ser máis positivas ca negativas, aínda que, como é de agardar, amósanse eivas e desequilibrios que cómpre ir emendando. Entre os datos positivos figura o seguinte: catro de cada cinco concellos permiten xa facer algunha tramitación telemática dos seus procedementos, o que achega unha taxa 3,2 maior cá de hai dous anos. Os trámites máis estendidos son (entre outros) os seguintes: Rexistro de documentos, Queixas e suxestións e Solicitude e obtención de certificados. Entre o negativo, moitas das nosas entidades locais adoecen aínda dos orzamentos e da capacitación dixital requirida para subirse definitivamente ao carro das novas tecnoloxías.
No estudo do Observatorio, respecto do devandito, sinálase que a falta de recursos económicos, cun 24,4% dos concellos galegos, seguida de baleiros de formación cun 19,6%, son os dous principais atrancos cos que se atopan os concellos de Galicia á hora de optimizar a Administración Electrónica.
Estes e outros números figuran na nova entrega do informe bianual sobre eAdministración nos concellos de Galicia que vén de publicar o Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (OSIMGA) dependente da axencia AMTEGA. Na investigación avalíanse parámetros como por exemplo a calidade do equipamento, o nivel de desenvolvemento das sedes electrónicas locais, a interoperabilidade entre administracións, etc.
Volvendo aos datos concretos, sinalar que no informe tamén se lembra que máis da cuarta parte dos concellos galegos contan cun catálogo de procedementos, e destes, o 80,2% dispón dun catálogo accesíbel a través da Rede. Asemade, máis da metade (o 52,9%) das entidades locais con sitio web conta cunha sede electrónica, o que significa un medre de máis de 20 puntos porcentuais nos dous últimos anos. Este proceso, malia estar estendéndose en todos os concellos, con independencia do seu tamaño, atinxe especialmente aos de máis de 50.000 habitantes, que teñen a maior taxa de implantación de e-sede, do 85,7%.
No informe tamén se salienta positivamente a presenza nas redes sociais dos nosos concellos. Así, máis da metade das nosas administracións locais xa están a tirarlles partido a estes servizos e comunicades, especialmente útiles para comunicarse dunha maneira máis participativa e inmediata coa cidadanía. Neste senso, a cantidade de aqueles que lles extraen proveito ás redes 2.0 experimentou nestes dous anos un medre de 7,2 puntos. A investigación de OSIMGA apunta a que a rede social máis común nos concellos galegos é Facebook, presente en practicamente a metade dos mesmos (49,7%), seguida de Twitter (22,7%).
Por outra banda, o estudo do observatorio destaca que o 29,5% das administracións locais galegas teñen dispoñíbel un portal ou espazo de transparencia dentro da súa entidade. A maiores, sinálase, a práctica totalidade dos concellos que indicaron que non contaban con portal de transparencia sinalaron que estarían interesados en dispoñer dun portal ou espazo con estas características.
Respecto da cuestión da interoperabilidade, o informe destaca que o 8% dos concellos suprimiu a obriga de achegar algúns documentos (DNI, certificacións de obrigacións tributaria, familia numerosa, discapacidade, inscrición en rexistros, etc.); e o 20,6% dos concellos substituíron por declaracións responsábeis algúns documentos a subministrar (certificación de conta bancaria, poderes de representación, etc.).
Asemade, máis da metade dos concellos (50,5%) mantiveron un intercambio de datos con outras administracións, mediante a recepción de documentos con certificados electrónicos.

PUBLICIDADE