Medra a demanda dos europeos polo acceso á Rede

mércores, 14 de agosto do 2013 Redacción

A Comisión Europea publicou onte os resultados dun Eurobarómetro especial no que recollen unha enquisa sobre comunicacións electrónicas no ámbito doméstico nos que vese o crecente interese dos europeos polas TIC, que atopan como principal atranco para a súa expansión o prezo, de aí que a vicepresidenta da Comisión, responsable da Axenda Dixital, Neelie Kroes, asegurase que “conseguir que as expectativas dos consumidores poidan satisfacerse a un prezo asumible é un dos obxectivos do paquetes de medidas chamado Un continente conectado, que será presentado pola Comisión o vindeiro mes de setembro”.
O interese dos consumidores pola tecnoloxía é cada vez maior, demandando velocidades de banda larga cada vez superiores para poder acceder aos novos servizos que están a lanzarse e para poder manter conectados os moitos dispositivos que temos no fogar que poden acceder á Rede, pero un dos ámbitos nos que máis está a notarse o crecente interese polas TIC é a Internet móbil, que no caso español pasou dunha penetración do 32% en decembro de 2011 a un 57% a primeiros de 2013, superando a media europea (49%). Outros países cun crecemento interanual semellante ao de España foron Italia e Francia (aínda que no caso italiano non conseguen superar a media comunitaria).
Aínda que podemos dicir que practicamente a metade dos europeos acceden á Rede dende o móbil, a implantación desta tecnoloxía é moi dispar, cun 71% dos usuarios móbiles en Suecia, un 68% en Dinamarca e un 65% en Reino Unido (como casos que superan o noso) e cuns casos lamentables como os de Bulgaria (20%), Romanía (25%) e Portugal (26%).

PUBLICIDADE