Medio cento dos nosos docentes obterán formación avanzada na linguaxe R

xoves, 14 de xullo do 2016 Redacción

As tres universidades galegas (a través da OSL do CIXUG e coa colaboración dos servizos de formación do profesorado) van organizar unha nova edición do curso enliña sobre a linguaxe estatística R a través da súa contorna gráfica Rcommander. Na actividade participaran case medio cento de educadores durante os meses de setembro e outubro na aula virtual do CIXUG. O curso será impartido en liña por Miguel Ángel Rodríguez Muíños. Está dirixido a persoal da universidade que traballa decote con software estatístico privativo, ou a persoal non iniciado no eido dos estudos estatísticos.
O obxectivo é formar aos participantes no manexo da linguaxe estatística R no seu ámbito gráfico Rcommander, en palabras da organización do obradoiro “un software libre de referencia neste tipo de estudos”. Búscase, en definitiva, fornecer ao profesorado “unha alternativa libre a outros paquetes estatísticos privativos amplamente empregados na docencia e investigación universitaria”.
No curso comezarase revisando a instalación de RCommander, pasando logo ao manexo de datos, á creación de gráficos, ou á realización de estudos estatísticos descritivos. Farase fincapé na realización de estatísticas descritivas, no manexo de datos, na creación de gráficas, na distribución de probabilidades ou na regresión lineal simple.
A actividade consta de 11 temas, cada un dos cales consta dunha parte teórica, onde se detallan os procedementos para traballar coas diferentes opcións de Rcommander e dunha proba de autoavaliación. Ao final do curso celebrarase unha proba final.
Esta actividade forma parte das actividades desenvolvidas polo CIXUG a través do convenio de colaboración coa axencia AMTEGA para a realización de actividades de fomento do software libre en Galicia, e que forman parte do Plan de Acción en Software Libre 2016.

PUBLICIDADE