Medio centenar de expertos en tecnoloxías intelixentes para os vehículos reúnense estes días en Baiona

venres, 29 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

Para tomarlle ao pulso á innovación tecnoloxía a prol do vehículo intelixente non é preciso liscar aos centros de meirande tradición en I+D automobilística. Temos varios ben preto, en Vigo, en Porriño e tamén en Baiona, onde se está a desenvolver a sétima edición do Simposio CEA de Control Intelixente, organizado polo grupo de Robótica da Universidade de Vigo no Parador da histórica vila pontevedresa, onde se dan cita case medio centenar de especialistas en tecnoloxías ao servizo dos vehículos do día de mañá: máis rendíbeis, sustentábeis, ecolóxicos, eficaces e, sobre todo, intelixentes.
Organizado polo grupo de Robótica e Sistemas Intelixentes, Grobis, do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática o simposio “ten como obxectivo servir de foro de traballo que permita, por unha banda, a posta en común das novas ideas e proxectos en desenvolvemento e que, ao mesmo tempo, se propicie un clima de colaboración entre todos os investigadores que traballan neste ámbito”, subliña o catedrático Rafael Sanz, presidente do comité organizador, ao tempo que explica que se trata dunha cita que cada ano se celebra nunha universidade ou centro de investigación nacional.
Entre outras cousas e xa nun terreo máis concreto, no encontro estanse a expoñer en todo detalle recursos e tecnoloxías de gran interese para o futuro da automoción, moitas delas directamente relacionadas coas novas tecnoloxías da información, comunicación e localización, aplicadas nos sistemas de control intelixente, é o caso dos controladores de velocidade e de dirección para tecnoloxías de axuda á condución e pilotos automáticos, ou dos axentes de control de coches autónomos en espazos urbanos.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pou, asistiron este mércores á inauguración do encontro, que contou (entre outros especialistas na materia) coa participación de José Manuel Andújar, director do grupo de Control Intelixente do CEA. O encontro colleu corpo logo coa presentación de diferentes traballos de investigadores das universidades de León, Huelva, Politécnica de Madrid e La Laguna, así como do centro tecnolóxico vasco Tecnalia. Ademais, presentouse tamén a tese de doutoramento de Joshué Pérez Rastelli, investigador do Instituto Nacional de Investigación en Informática e Automática, INRIA, de Francia sobre o control de vehículos autónomos en cidade e autovías. A xuntanza, que remata este venres, está a servir de acubillo, tamén, para a presentación de traballos e casos de éxito, entre os que se conta o proxecto Autopía, do Centro de Automática e Robótica do CSIC e a Politécnica de Madrid, dirixido a facer realidade “o primeiro coche desenvolvido integramente en España que é quen de circular en estrada sen necesidade de condutor e que fai poucos días completou unha proba de condución automática duns 100 quilómetros por estradas de Madrid”.
No transcurso do simposio, segundo sinala a Universidade de Vigo, tamén está prevista a celebración do concurso PRODEL de Control Intelixente, que consistirá en controlar o movemento dun sistema LEGO en configuración de péndulo invertido construído a partir de compoñentes comerciais. “Este sistema”, engádese, “ten unha configuración física semellante ao coñecido transporte de dúas rodas Segway e o problema de control consiste en mantelo estable en vertical en calquera circunstancia”. E explícase: “O obxectivo é achegar os diferentes paradigmas de control intelixente a investigadores e alumnos dos últimos cursos mediante a realización de control intelixente sobre un sistema físico real”.

PUBLICIDADE