Medio centenar de empregados públicos participan no Curso Superior de Ciberseguridade CIBER.gal

luns, 4 de outubro do 2021 S. P.

Este 4 de outubro arrincou na Escola de Administración Pública a primeira edición do Curso Superior de Ciberseguridade, que achega un centenar de horas lectivas para profesionais TIC da Xunta, das deputacións e dos concellos. Participan, até o 14 de decembro, medio cento de empregos públicos. O curso vén da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Centro Criptolóxico Nacional.
A actividade formativa, que se desenvolve en formato semipresencial, diríxese a fornecer aos asistentes dunha visión global da seguridade dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades, das ameazas e dos riscos que comporta o seu uso e ofrecer unha guía de boas prácticas para afrontar a xestión destas situacións.
A xornada de inauguración, celebrada na tarde do 4 de outubro, contou coa intervención da directora da AMTEGA, Mar Pereira; a directora da EGAP, Sonia Fernández-Campos; e o xefe da Área Normativa e Servizos de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional, Pablo López.
Pereira salientou que o fortalecemento do ecosistema da ciberseguridade “é unha prioridade do Goberno galego e, de aí, que Galicia fora a primeira comunidade en poñer en marcha unha estrutura de cooperación público-privada en materia de ciberseguridade, o Nodo de Ciberseguridade galego, CIBER.gal”
Mar Pereira sinalou que “se está a traballar para ampliar a carteira de servizos de ciberseguridade de CIBER.gal tanto para sector público autonómico como para a Administración local e outras administracións públicas, a cidadanía e o tecido empresarial, en particular pemes e autónomos”. Ademais, a directora da axencia autonómica avanzou que está prevista a construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia, que “aglutinará a prestación destes servizos especializados”.
A directora da EGAP lembrou a importancia “da formación nun contexto tan complexo e cambiante”, incidindo en que ante “as novas ameazas xurdidas co avance da administración telemática, unha das mellores ferramentas das que dispoñemos para defendernos é contar cun persoal especializado e preparado para salvagardar a confianza da cidadanía nos servizos dixitais”.
Finalmente, Sonia Rodríguez-Campos incidiu “na necesidade de fomentar a existencia de perfís profesionais cualificados neste eido para o sector público, motivo polo cal dende a Escola se ofertan dende hai anos actividades específicas en materia de seguridade da información dixital, dirixidas tanto ao persoal empregado público en xeral coma a perfís máis técnicos”.

PUBLICIDADE