Medio Rural subvenciona un proxecto para optimizar as cooperativas coa fórmula das TIC

luns, 20 de febreiro do 2017 Redacción

Optimizar a xestión de terras nas cooperativas gandeiras é o obxectivo do proxecto para deseñar unha aplicación informática que a Consellería do Medio Rural vén de aprobar cunha subvención de arredor de 103.000 euros. Esta proposta, sinala o Departamento da Xunta, traducirase nun aumento da sustentabilidade ambiental e económica das explotacións e nunha mellora da eficiencia enerxética de cara a acadar unha redución nas emisións de CO2 facendo uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
E en que consiste este proxecto? Trátase de aplicar métodos informáticos e matemáticos para desenvolver un algoritmo que permita obter alternativas para a organización espacial das parcelas. A finalidade é reasignar os predios entre os agricultores de maneira que, sen modificar a súa superficie nin propiedade, cada un teña as parcelas máis achegadas entre si e máis preto de cada explotación.
Pártese da idea de que o axeitado dimensionamento das explotacións agrarias é clave para asegurar a súa viabilidade económica e ambiental, en especial a través da contención dos custes de produción. Na gandaría de vacún iso pasa pola xestión eficiente da base territorial. Considérase que unha produción baseada en pastos e forraxes propios, con parcelas cunha dimensión axeitada e accesíbeis, axudaría a incrementar o rendemento das explotacións e a revalorizar as granxas, reducindo os custes e a dependencia de insumos externos, co conseguinte aumento da marxe de beneficios.
Engadir que neste proxecto participan dúas cooperativas agrogandeiras: Cusoviame e Os Irmandiños (actualmente integrada en CLUN), da man da asociación de desenvolvemento rural Mariñas-Betanzos, as Universidades da Coruña e Santiago e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL).

PUBLICIDADE