Medio Rural dá a coñecer entre os veciños do Courel e dos Ancares o seu proxecto de rede WiMAX

luns, 20 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

A aldea de Froxán en Folgoso do Courel, vista por Luscofusco

Internet non é a protección definitiva para a comarca do Courel de cara ós intereses empresarias sen medida das firmas mineiras, pero si que pode contribuír a limitar a dependencia dos veciños con estas explotacións, permitindo actividades económicas alternativas e mesmo poñendo o valor as economías tradicionais. Ou sexa: a Rede pode axudar a que o rural galego tire proveito do mundo, dos seus mercados e das súas fontes de información, e manterse ó mesmo tempo intacto. Algo así como innovar para que todo fique igual. O proxecto que está a desenvolver e presentar Medio Rural na dita comarca lucense e máis na dos Ancares semella ir nesa liña, aínda que está por ver se as medidas de incentivación da Rede son axeitadas, e se a tecnoloxía escolleita é efectiva abonda.
O programa está neste intre en fase de implantación e de presentación. De feito, este luns celébrase no Mosteiro de Samos un encontro entre representantes da Consellería e os veciños das ditas bisbarras para que os primeiros informen ós segundos das vantaxes de estar en Rede, concretamente a través da tecnoloxía WiMAX que se está a habilitar de xeito experimental e de balde (polo de agora) en Samos e en Folgoso do Courel e que máis adiante chegará a outros concellos da nosa terra.
Segundo sinala Medio Rural, o proxecto vai a bo ritmo, e están a piques de rematar as obras de preparación desta nova infraestrutura. A intención de Medio Rural (a través do Departamento de Estruturas Agrarias da Delegación provincial de Lugo) con este tipo de xuntanzas é coñecer de primeira man que lle esixen os veciños e veciñas á Sociedade da Información. Estas enquisas non se limitarán á xuntanza de hoxe luns 20 en Samos, senón que terán continuidade ó longo dos vindeiros días entre os fogares e as empresas das comarcas. As sesións informativas virán acompañadas máis adiante de diversas actividades formativas e de asesoramento, segundo indica Medio Rural.

PUBLICIDADE