Medio Rural anímanos a xuntar forzas na gran comunidade galega de internautas contra o lume

martes, 1 de agosto do 2017 Fernando Sarasketa

Até o de agora, as galegas e os galegos sabíamos que podíamos ser moitas cousas na vida. Do que se cadra non tiñamos constancia é de que tamén podíamos ser devasas. Ou sexa, cortalumes para frear a destrución forestal. É posíbel selo? Segundo a Consellería de Medio Rural a resposta é si, categoricamente, e con todo o que isto implica: que cada un de nós sexa o elo dunha cadea de colaboración cidadá para loitar contra a lacra dos incendios. Disto, de crear unha comunidade virtual de activistas medioambientais que teña ampla repercusión no propio medio ambiente galego (do virtual cara ao real), é do que trata a campaña Faite Cortalumes de Medio Rural. Xa ten páxina web propia, soncortalumes.gal, onde podemos darnos de alta e engadirnos ao colectivo.
Para xuntar forzas coa comunidade xa formada só teremos que enviar un vídeo ou unha foto cos nosos datos persoais (cubrindo un formulario específico) á conta soncortalumes@xunta.gal. Segundo informa Medio Rural, “todos podemos ser cortalumes, un oficio que simboliza compromiso cos nosos montes, orgullo, sentido do deber, valor e responsabilidade”.
Trátase, en definitiva, dunha campaña de divulgación e concienciación cidadá fronte aos incendios forestais que xira arredor da páxina soncortalumes.gal e ten por obxectivo chegar a cada recanto de Galicia e conseguir que todas e todos formemos unha gran devasa humana, de “carácter simbólico” pero que sirva de complemento eficaz ás 10.500 hectáreas de devasas físicas e reais que existen nas nosas forestas.
A iniciativa foi presentada o 14 de xullo e xa conta co apoio e adhesión de múltiples facianas coñecidas da nosa cultura e de múltiples sectores institucionais e empresariais.

PUBLICIDADE