Medio Rural ampliará os seus sistemas informáticos

luns, 28 de marzo do 2016 Redacción

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de asinar un convenio coa directora da AMTEGA, Mar Pereira, polo que se mellorará a atención nos eidos da gandaría, agricultura e industrias agroalimentarias grazas a unha serie de novos sistemas informáticos deseñados pola AMTEGA. A este proxecto a Consellería achegará ata un máximo de 80.000 euros divididos en dúas anualidades de 40.000.
En concreto, desenvolverase un novo sistema de información que atenda as necesidades normativas do Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras (SERSEGAL), así como o seu posterior mantemento evolutivo. Habilitaranse servizos de intercambio de datos ou conexión entre a Subdirección Xeral de Gandaría e as asociacións que xestionan razas autóctonas debidamente acreditadas, garantindo os mecanismo de interconexión e actualización de datos.
O acordo tamén contempla a incorporación de novas funcionalidades na Oficina Agraria Virtual (OAV) e melloras noutros ámbitos, como no sistema integrado de xestión e control de axudas e noutros programas da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.
Ángeles Vázquez destacou a importancia destas accións, xa que son moitos os profesionais do agro que recorren a estes servizos para o desenvolvemento das súas actividades. “Forma parte do obxectivo transversal desta Xunta de contar cun rural moderno e competitivo”, declarou, e engadiu que, deste xeito, facilitaranse e axilizaranse moitos trámites. Ademais, esta acción axudará na sustentabilidade pola que está a apostar o Goberno galego a través da dixitalización dos servizos públicos.

PUBLICIDADE