Medio Ambiente organiza unha xornada sobre TIC e información xeográfica

martes, 14 de marzo do 2017 Redacción

Este venres falarase na Coruña, e moito, do que poden facer as novas tecnoloxías da información, este mundo conectado, para afondarmos no noso coñecemento dos mundos. E cando falamos de mundos, principalmente os nosos: tanto a nivel galego como de concellos. Falamos da Xornada sobre Avances na Información Xeográfica no Ámbito Autonómico e Municipal, organizada polo Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, este 17 de marzo a partir das 10.00 no auditorio da sede de AFundación na Coruña. O obxectivo: fornecer unha visión das tecnoloxías para xestión da información xeográfica.
Nun plano máis detallado, presentarase a nova base cartográfica galega (BTG10), e amosaranse os detalles do novo regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia. Tamén haberá unha mostra de novas tecnoloxías de información xeográfica. A continuación, damos conta do programa.
· 9.00 h. Recepción de asistentes. Café – mostra de novas tecnoloxías da información xeográfica.
10.00 h. Apertura da Xornada. Beatriz Mato Otero, conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
· 10.15 h. O regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia.
· 10.30 h. A nova base cartográfica de Galicia. BTG10.
· 10.45 h. Plan de ortofotografía a escala municipal. Oportunidades de colaboración.
· 12.15 h. Pausa café – percorrido pola mostra de novas tecnoloxías.
· 13.00 h. Necesidades de información xeográfica nos concellos de Galicia.
·13.30 h. Mesa redonda sobre novas tecnoloxías cartográficas aplicadas á información municipal.
· 14.30 h. Clausura da xornada.
Segundo informa a Consellería, “trátase dun acto orientado á Administración Local, pero aberto a toda a cidadanía en xeral, e moi especialmente a todas aquelas persoas que traballan en temas relacionados coa cartografía e os sistemas de información xeográfica tanto no eido público como privado”. Dado que o aforo é limitado, prégase aos interesados que confirmen a súa asistencia mediante correo electrónico á dirección: secretaria.iet@xunta.gal, ou no teléfono 981.541755/541756.

PUBLICIDADE