MeLiSA promove o Festival de Instalación, unha proposta para abrir camiño ao software libre

mércores, 10 de abril do 2013 Redacción

MeLiSA, a asociación de Melide a prol da programación aberta, vén de anunciar a celebración do chamado Festival de Instalación 13.04, un evento de divulgación do software libre, no cal se farán instalacións gratuítas e legais de aplicativos libres nos equipos dos participantes. Asemade, levaranse a cabo diferentes presentacións de programas libres para empregar en contornas de oficina, deseño, multimedia, internet, etc. Os interesados e interesadas poderán asistir ao evento co seu equipo informático e os voluntarios de MeLiSA axudarán no proceso de instalación dos programas libres.
O festival en cuestión levarase a cabo o sábado 20 de abril (de 10 a 14 horas) na cervexería A Fundación, situada na Avenida Toques e Friol, 23 de Melide. Engadir que non é obrigatorio instalar un sistema operativo GNU/Linux, tamén se instalarán diferentes programas libres sobre o sistema operativo do equipo do usuario (LibreOffice, Mozilla Firefox, Gimp, Thunderbird, etc), recomendándose realizar un respaldo de seguridade dos ficheiros persoais.
Como lembraremos, baixo o nome de MeLiSA atópase a Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide, un grupo de veciños de Melide afeccionados á tecnoloxía que decidiron xuntarse para realizar actividades a prol da difusión do software libre. Esta asociación ten como obxectivos promover e divulgar o concepto de ’’Software Libre’’, fomentar o seu uso; potenciar e apoiar aos proxectos deste tipo de tecnoloxía libre (dun xeito especial aqueles desenvolvidos polos seus membros), adaptalo á lingua galega, promover o emprego de estándares abertos na sociedade da información e no eido tecnolóxico, así como contribuír á formación das novas tecnoloxías no eido do devandito software libre nos diferentes ámbitos (educativo, empresarial...).

PUBLICIDADE