MeLiSA organiza en Melide a I Xornada de Scratch, dirixida a introducir á rapazada no software libre

xoves, 4 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA) vai organizar o vindeiro 13 de xullo a primeira edición da súa Xornada de Scratch, unha actividade de lecer divulgación, arredor da programación aberta e as súas múltiples vantaxes, dirixida a nenas e nenos de entre 8 e 15 anos. O evento, informa o colectivo melidense, desenvolverase na aula CeMIT, situada no edificio multiusos de Melide. Dará comezo ás 10:00 da mañá, e rematará ás 14:00. Todas aquelas persoas que estean interesadas en traer aos seus fillos, deben realizar previamente a inscrición na web de MeLiSA.
Esta iniciativa, engade a asociación, “forma parte do compromiso social de MeLiSA, consciente de que as vindeiras xeracións deben adquirir competencias relacionadas coa programación libre e o coñecemento sen atrancos”. Polo tanto, a primeira Xornada de Scratch responde precisamente a iso: a lembrarlle á rapazada que hai un xeito alternativo de desenvolver e achegar informática, máis xusto e accesíbel para tódolos petos, e que ademais tamén pode representar un importante nicho laboral para cando teñan que buscar un traballo, o día de mañá (o software xera cartos e riqueza, e a proba disto é a longa listaxe de empresas galegas quer apostan por el).
Sinalar que Scratch é unha linguaxe de programación dirixida especialmente aos máis cativos e que non require de coñecementos técnicos. Pódense crear, ao seu abeiro, animacións ou xogos, entre outros moitos recursos. O método de traballo consiste en interactuar cunha serie de personaxes ou obxectos que figuran na pantalla inseridos nun escenario, e cos que poderemos realizar un amplo abano de accións, dende facelos moverse até mudarlles a roupa.

PUBLICIDADE