Marzo chega á aula CeMIT de Ponteareas con cinco novos cursos de balde
mércores, 2 de marzo do 2022
O Concello de Ponteareas achegou o programa de actividades de
divulgación e formación tecnolóxica deste mes de marzo a nivel
municipal. Serán
cinco obradoiros gratuítos a desenvolver a través da aula CeMIT de
Ponteareas, cinco cursos pensados para “promover a inclusión
no uso das novas tecnoloxías e achegar á veciñanza ferramentas que
poden facilitar a vida cotiá a persoas de todas as idades e acabar
coa fenda tecnolóxica”, como salienta o concelleiro de Innovación
e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez.
Unha
das propostas para este mes de febreiro será un curso de
mecanografía no ordenador, que terá lugar martes e xoves de 18.30 a
21.00 horas. Os e as ponteareáns tamén poderán asistir aos cursos
de manexo básico de teléfonos móbiles os luns de 11.30 a 14.00 h e
de informática básica, que será martes, mércores e venres de
16.00 a 18.30 horas. A programación do mes de marzo contará ademais
cun curso de procura de emprego en liña (mércores 2 e 9 de marzo,
de 18.30 a 21.00 h) e con outro para achegar aos usuarios e usuarias
aos trámites administrativos en liña (mércores 16, 23 e 30 de
febreiro, de 18.30 a 21.00 h).
As
persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer
a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na
web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa
aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou
chamando ou enviando unha mensaxe de Whatsapp ao número 634 238 962
dentro do horario da aula, que estará aberta ao público os luns de
09.00 a 11.30 h e os venres de 18.30 a 21.00 h.