Marshmallow será o alcume oficial de Android 6.0

luns, 17 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Ao igual que tras presentar Android 5.0 no Google I/O en 2014 só se deu a coñecer a Lollipop baixo o nome de Android L, na pasada edición do encontro para desenvolvedores de Google falouse do futuro Android 6.0 como Android M, e finalmente confirmouse que o novo Android responderá ao alcume de Marshmallow (lambonada coñecida en español como malvavisco ou nube).
A confirmación chegou hoxe mesmo a través do anuncio do kit de desenvolvemento oficial para Android 6.0 e a apertura de Google Play para facilitar a publicación de aplicacións móbiles para a vindeira versión de Android. Os desenvolvedores tamén pode agora acceder á versión preliminar final de Android M, ou sexa, que dende dispositivos como o Nexus 5, Nexus 6, Nexus 9 ou Nexus Player xa se pode gozar dunha versión case final de Android 6.0 (dispoñible para a súa descarga), para facilitar a proba de aplicacións antes da súa publicación.
Cómpre lembrar que Android 6.0 non chegará ao público xeral até o outono, de xeito que pretenden que os desenvolvedores poidan probar ben as súas novidades, para o que tamén existen importantes novidades en Google Play, plataforma que agora permite o acceso a betas abertas ou a betas pechadas (autorizando usuarios en función do seu enderezo de e-mail) como alternativa ao método actual de betas pechadas con comunidades en Google+.

Vídeo no que presentan a estatua de Android Marshmallow que colocarán nos xardíns do Google Campus

PUBLICIDADE