Mario Pansero (UVigo) fala da importancia da reflexión ética do alumnado nunha charla en Enxeñaría Aeronáutica

mércores, 8 de novembro do 2023 S. P.

Foi este pasado luns, 6 de novembro, cando tivo lugar na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense o seu ciclo de charlas divulgativas Foro Aero coa conferencia Innovación sen crecemento: ciencia, tecnoloxía e innovación nunha era pos-crecemento. A dita conferencia era protagonizada por Mario Pansera, director do grupo Post-growth Innovation Lab da Universidade de Vigo e profesor Oportunius GAIN-Xunta de Galicia.
O relatorio, celebrado no edificio Politécnico de Ourense, foi presentado polo profesor da escola Diego Carou, que puxo en valor a importancia da reflexión crítica e a perspectiva ética no eido científico e tecnolóxico. El foi o encargado de presentar ao relator, responsábel do Post-Growth Innovation Lab, con sede no campus de Pontevedra, beneficiario dunha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación e no que se desenvolven proxectos europeos como JUST2CE e Prospera (Prospering without growth: Science, Technology and Innovation). Este último, financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC), ten como obxectivo responder á pregunta de como poderían funcionar as organizacións nun sistema que non se basee nun crecemento sen fin e foi o protagonista da conferencia de Pansera.
Indo ao miolo da charla de Pansera, o investigador quixo “criticar o concepto mainstream ou convencional de innovación, tentar amosar cales son os danos que a tecnoloxía pode provocar se non está gobernada democraticamente e dar algunhas ideas de como podería ser o proceso de desenvolvemento tecnolóxico nun mundo que xa non estea obsesionado co crecemento económico”. Na era pos-crecemento trátase, apuntou, de “enfocarse nas persoas, nas súas necesidades básicas, no coidado do medio ambiente, etc”, de “imaxinar unha sociedade que non precisa medrar para mellorar o nivel de vida”.
Mario Pansera sinalou que “os graos técnicos e o seu alumnado desafortunadamente non teñen unha formación que teña que ver coa ética da tecnoloxía, coa reflexión sobre os danos que pode facer a tecnoloxía e como remedialos, como pensar e anticiparse a eses danos e ás consecuencias negativas das tecnoloxía”. Porén, dixo, “eu creo que todas as facultades de enxeñaría e de ciencia en xeral deberían ter cando menos unha introdución ao que é a ética da ciencia e como poder innovar de xeito responsábel”.

PUBLICIDADE