Mariel Martínez e Helena Fernández amosan hoxe en IqualTec a súa experiencia como mulleres nas TIC

xoves, 2 de xullo do 2015 Redacción

Hoxe, entre as 19.00 e as 20.30 horas, o espazo CoWorking Vigo vai dar acollida a un encontro IqualTec, unha iniciativa dentro do proxecto Tech&Ladies, orixinado dentro do GDG (Google Developing Group) cuxo obxectivo é dar visibilidade ás mulleres que traballan no eido das tecnoloxía. A xuntanza de hoxe insírese nunha das principais liñas de actividade divulgativa de CoWorking Vigo, que é a de convidar a mulleres profesionais do sector tecnolóxico e científico para explicar como chegaron onde está e debater sobre os retos aos que se enfrontan. Contarase coa presenza de Helena Fernández, directora técnica da Área de Investigación en eSaúde de Gradiant.
Tamén participará Mariel Martínez, enxeñeira informática pola Universidade Oberta, amais de co-fundadora de indenext.com e de ameiga.com, e integrante do Grupo de Desenvolvedores Google en Vigo (GDG Vigo). Mariel afondará na súa charla no proxecto Tech&Ladies, un proxecto que como dixemos propón dar visibilidade ás mulleres que traballan en tecnoloxía rompendo coa paradigma actual.
Pola súa banda, Helena Fernández explicará a contribución de Gradiant ao desenvolvemento de tecnoloxías TIC aplicadas á eSaúde dentro da área que dirixe. Na charla, Helena Fernández revisará o concepto e os obxectivos deste ámbito de traballo (novas tecnoloxías para mellorar e optimizar a atención médica); presentará tecnoloxías e proxectos desenvolvidos en Gradiant, e por último, comentará algunhas das liñas de traballo futuras en Gradiant, e os retos asociados a elas.
Fernández é directora técnica da Área de eSaúde no devandito centro tecnolóxico vigués. É enxeñeira eléctrica pola Universidade Estadual de Rio de Janeiro, máster pola Universidade Federal de Río de Janeiro (COPPE / UFRJ) e o doutorada na Universidade de Minho no marco do programa de colaboración internacional MIT-Portugal. Desenvolveu parte do seu traballo de doutoramento na División de Sistemas de Enxeñaría do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts e na empresa portuguesa Critical Health.

PUBLICIDADE